Vivenda bioclimática

A vivenda bioclimática demostrativa sitúase no Parque Eólico Experimental Sotavento, ao norte do edificio principal. No deseño, a localización e a adaptación ao terreo tivéronse en conta os factores climatolóxicos: radiación solar, exposición aos ventos predominantes, temperaturas ambiente, precipitacións, etc., e outros como a xeomorfoloxía do terreo, o ciclo de vida dos materiais, as construcións adxacentes e a proximidade a puntos de abastecemento. Porén, os criterios fundamentais sobre os que se asenta o deseño son: a sustentabilidade, o aforro e a eficiencia enerxética. Para acadar este obxectivo, na vivenda implementáronse as seguintes medidas, que poden dividirse en “pasivas” e “activas”.

Medidas pasivas:

As estratexias pasivas son medidas correctivas ou paliativas para mellorar a calidade do ambiente interior sen que supoñan un consumo enerxético adicional, empregando fundamentalmente medidas inspiradas nas arquitecturas autóctonas, sinxelas de aplicar e que desde tempos pasados veñen funcionando. Entre as medidas adoptadas cabe citar:

  • Protección mediante parasoles e galería
  • Emprego de muros Trombe
  • Ocós con protección solar permanente en vidros e variable (venecianas motorizadas)
  • Recollida de augas pluviais
  • Sistemas de aforro de auga
  • Sistema construtivo

Medidas activas:

As estratexias activas baséanse na eficiencia enerxética de instalacións que cobren as necesidades térmicas, de refrixeración e eléctricas da vivenda. Entre elas cabe citar:

  • Paneis solares fotovoltaicos
  • Minixerador eólico
  • Instalación solar térmica
  • Caldeira de biomasa
  • Bomba de calor xeotérmica
  • Refrixerador evaporativo

Parámetros monitorizados


Os parámetros almacenados e monitorizados para a vivenda son os relativos a:

  • Instalación solar térmica
  • Instalación solar fotovoltaica e minieólica
  • Instalacións de xeración de calor: caldeira de biomasa e bomba de calor
  • Temperaturas dos recintos en chans, paredes e teitos

Vivenda bioclimática (2)


Para descargar a Memoria da Vivenda Bioclimática Demostrativa prema aquí

ACCESO E DESCARGA DE DATOS

Os parámetros da instalación minieólica do Parque Eólico Sotavento almacénanse nunha base de datos e intégranse nunha aplicación de descarga de datos. Esta aplicación permite ás organizacións, empresas ou universidades coas que Sotavento mantén convenios de colaboración o acceso á información necesaria para o desenvolvemento de proxectos.

Listaxe completa dos parámetros almacenados nas instalacións do parque eólico e vivenda bioclimática