Coincidindo co Día Mundial da Eficiencia Enerxética, Sotavento estrea unha nova proposta didáctica consistente en actividades educativas virtuais

Trátase dunha actividade na que participaron 200 alumnos e alumnas do Colexio Lestonac de Barcelona.
A iniciativa, probablemente única en Galicia, brinda a oportunidade de coñecer Sotavento a unha gran cantidade de alumnos que viven en zonas que pola súa distancia ao parque, farían complicada unha actividade presencial.

Recentemente púxose en marcha no PARQUE EXPERIMENTAL SOTAVENTO un novo aeroxerador. En concreto trátase dunha unidade do aeroxerador nED100 desenvolvido e fabricado pola empresa galega NORVENTO.

O nED100 é un aeroxerador de 100 kW ideado para aplicacións de autoconsumo e xeración distribuída. No nED100 NORVENTO integrou por primeira vez nun aeroxerador de media potencia os avances tecnolóxicos máis importantes desenvolvidos durante os últimos anos nos grandes aeroxeradores, conseguindo unha máquina máis eficiente, fiable, segura e silenciosa. Sistemas como o cambio de paso, que lle permiten incrementar notablemente a produción, ou o accionamento directo, que eliminar a necesidade de multiplicador no tren de potencia, convérteno nun aeroxerador con tecnoloxía punta enfocado a sistemas de xeración distribuída.

Incorpora tamén outras novidades, como un deseño exento de sistemas hidráulicos, coa conseguinte simplificación do mantemento e redución dos riscos ambientais así como un convertedor de potencia que lle permite adaptarse a calquera requisito da rede, soportar ocos de tensión e xestionar a reactiva mesmo coa máquina parada.

A instalación de Sotavento permitirá a NORVENTO levar a cabo os ensaios de campo necesarios para completar o proceso de certificación do nED100 segundo a norma IEC 61400, o que o converterá no primeiro aeroxerador do seu rango en satisfacer os estándares esixidos ás grandes máquinas.

Este aeroxerador vén a sumarse ás outras 24 máquinas existentes en Sotavento, un parque con marcado carácter experimental no que se realizan proxectos que tratan de achegar solucións ao sector renovable ao tempo que intenta divulgar e educar enerxeticamente á poboación

Máis información nED100:

http://www.norvento.com/es/ned-wind/

Máis información Sotavento:

http://www.sotaventogalicia.com/index.php

Máis información Norvento:

http://www.norvento.com

 

Sotavento colabora co proxecto Climántica Intercambios, o cal pretende buscar respostas educativas fronte ao cambio climático mediante intercambios de Educación Científica e Ambiental entre comunidades autónomas e países implicados no proxecto.

A súa primeira experiencia piloto consiste no intercambio Galicia–Canarias, desenvolvéndose as actividades en Canarias do 24 ao 29 de Novembro de 2014; e en Galicia do 23 ao 27 de marzo de 2015, período durante o cal visitarán as instalacións de Sotavento. Dita experiencia aspira a deixar consolidado este intercambio cada curso académico, dando oportunidades a incorporarse cada curso a outros centros canarios e galegos. Proponse, ademais, que cada curso participe nunha comunidade autónoma / país invitado, para que realice intercambios coas dúas rexións implicadas neste primeiro intercambio.

En cada intercambio compararanse os aspectos claves das dúas comunidades para a mitigación e adaptación ao cambio climático: dominio climático, transporte, transformación e uso de combustibles fósiles, xestión da auga, impacto das enerxías renovables, respostas do tipo de substrato ante eventos extremos e xestión integral do territorio. Para facelo, selecciónanse equipamentos de divulgación científica e ambiental xunto con contextos ambientais que destaquen por ser recursos de calidade para a consecución dos obxectivos do proxecto.

O sector eólico lanza o terceiro vídeo da campaña Actúa sobre os feitos (ActOnFacts), no que se desmonta o mito de que a enerxía eólica non é un bo negocio para España. Esta campaña naceu co fin de desmontar, a través de datos reais empiricamente probados, falsos mitos que a miúdo distorsionan o debate público con argumentos inxustos e información falsa.

Para ver o vídeo, fai click en http://www.youtube.com/watch?v=El2BHjA7E0U&feature=youtu.be

A campaña, que xa se lanzou con éxito noutros países do mundo, céntrase na páxina web www.ActOnFacts.org/es, na que todas as afirmacións que se fan nos vídeos son avaladas a través de datos de diferentes fontes da máxima solvencia.

Como se pode ver neste novo vídeo, a enerxía eólica é un bo negocio para España por moitas razóns: evita comprar enerxía a países en conflito, porque o vento é noso, é gratis e é inesgotable. Pon a España no mapa dos países con tecnoloxía avanzada porque somos o terceiro país do mundo en exportacións de aeroxeradores e o quinto en patentes eólicas. Baixa o prezo da electricidade porque canto máis sopra o vento, máis baixa a factura da luz. E frea o cambio climático porque non contamina e evita a emisión de 20 millóns de toneladas de CO2 ao ano, o equivalente a plantar dous millóns de árbores.

Ademais, a eólica crea tres veces máis emprego que as tecnoloxías convencionais e crea riqueza e emprego alí onde se instalan parques e fábricas. De feito, o sector ten 200 fábricas en quince das dezasete comunidades autónomas españolas, polo que ten un forte efecto tractor sobre a economía. E hai 1.072 parques eólicos en 800 concellos, moitos deles en zonas rurais envellecidas que recuperaron poboación grazas ao emprego creado. Todos estes datos están avalados por informes de diferentes fontes, que se poden consultar en www.ActOnFacts.org/es.

Se queres apoiar a eólica, difunde este vídeo a través das túas redes sociais co hashtag #ActOnFacts.

Sotavento acolleu no día de onte a celebración do 2º Simposio de Solucións para o Mantemento na Industria Eólica organizado polo grupo Schaeffler. O acto aglutinou ás principais empresas do sector eólico e a máis de medio centenar de participantes nunha convención dunhas 6 horas de duración. O principal obxectivo da xornada foi dar a coñecer novos desenvolvementos na tecnoloxía de rodamentos, así como aplicacións e servizos para o mantemento especialmente pensados para a industria eólica.

Neste mesmo seminario presentouse o proxecto que Schaeffler Iberia está levando a cabo no noso Parque sobre a monitorización e mantemento predictivo en aeroxeradores. Dito proxecto materialízase na instalación dun sistema de monitorización de vibracións FAG WiPros para a análise da condición do tren de potencia dun dos nosos aeroxeradores.

Schaeffler, importante empresa do sector, realiza constantes investigacións para mellorar as prestacións dos seus rodamentos así como dos seus produtos e servizos de mantemento, co fin de aumentar a rendibilidade dos aeroxeradores e contribuír deste xeito a reducir os custes totais de propiedade dos parques eólicos.

O simposio, que contou coa colaboración dunha decena de poñentes, rematou coa visita dos asistentes ás instalacións de Sotavento.

Paxinación de entradas