O luns día 29 de setembro comeza o prazo para solicitar visitas a Sotavento. Desde ese día, poderase solicitar data para todo o curso académico. O horario de atención será de 9 a 11 e de 12:30 a 14 horas.
Co fin de facilitar a visita a Sotavento a un maior número de visitantes, comunicámosvos que no momento da reserva, será imprescindible sinalar os cursos, o número de alumnos/as e os horarios xunto coas datas solicitadas. Para axilizar a xestión rogámosvos que teñades esta información dispoñible no momento da chamada.
Informarvos ademais que a participación nas actividades conlevará un pequeno custe de 2 € para menores de idade e 3 € para adultos (os profesores acompañantes quedan excluídos do pago).

Reserva de datas: 981563777
(9 a 11 e de 12:30 a 14 horas)
Información xeral: 981441020
(10-14)
Esperámosvos!!

Esta mañá, catorce rapaces que participan no curso de electricista organizado pola Fundación Endesa e Cáritas, visitaron Sotavento. A actividade forma parte do programa educativo que os alumnos comezaron en maio e que rematará a finais de outubro.

Nesta visita coñeceron a estrutura e disposición dos muíños de vento, así como os elementos eléctricos indispensables para o seu funcionamento. Tamén visitaron a Vivenda Bioclimática Demostrativa e puideron comprobar as vantaxes da utilización de vehículos eléctricos. No percorrido estiveron acompañados por educadores de Sotavento, que responderon ás súas dúbidas. A actividade é complementaria do percorrido que os alumnos realizaron en xuño á central térmica de As Pontes, onde coñeceron os elementos indispensables para a xeración de electricidade convencional.

A Fundación resultou premiada nos “II Premio á Mellor Práctica en Mobilidade Sostible” convocados pola Fundación Renault para a Mobilidade Sostible e o Club de Excelencia en Sotibilidade. Os galardóns contan ademais co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

O seu obxectivo final é concienciar á sociedade civil da importancia das actividades de mobilidade sostible a día de hoxe. O traballo premiado foi elixido entre medio centenar de candidatos e consistiu na realización dun proxecto centrado no estudo da mobilidade eléctrica. Cunha duración de máis de dous anos, estivemos realizando esforzos para dar a coñecer e potenciar a mobilidade eléctrica como alternativa presente e futura aos combustibles fósiles. Para elo desenvolvemos unha aplicación informática que permite realizar estudos reais das potencialidades deste tipo de vehículos, analizando percorridos, comprobando autonomías, aceleracións, velocidades, etc. e comparándoos con vehículos convencionais. Paralelamente realizamos un estudo de opinión mediante enquisas a condutores que participaron nas probas reais de condución, así como distintas exposicións, publicacións, charlas e demostracións que contribuíron á obtención deste galardón.

A Ministra de Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, foi a encargada de entregar o premio ao Presidente da entidade e á súa vez Director Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, D. Ángel Bernardo Tahoces, que estivo acompañado por José Núñez e Manuel Díaz, Xerente e Responsable da Área de Comunicación e Divulgación de Sotavento, respectivamente.

O acto estivo presidido por D. Ricardo Gondo, Presidente da Fundación Renault, D. Ernesto Salas, Director da Fundación Renault, D. José Longás, Presidente do CLUB, e D. Juan Alfaro, Secretario Xeral do CLUB.

Tamén foron premiados FCC polo seu proxecto “Nova xeración de camións do lixo eléctrico-híbridos Plug-in” e o Concello de Santander polo seu proxecto “Santander SmartCity”. Estes premios foron recollidos por Juan Béjar, Conselleiro Delegado de FCC, e Íñigo da Serna, Alcalde de Santander, respectivamente.

A Fundación recibiu como premio a cesión durante un ano dun vehículo eléctrico Renault Twizy co que ampliaremos os estudos realizados ata agora.

Durante estos dous meses de verán, un total de 216 persoas repartidas en 23 grupos visitaron as nosas instalacións.

A procedencia dos visitantes durante este mes de verán foi moi variada, destacando as catro provincias galegas e outras comunidades autónomas como Asturias, Barcelona, Guadalajara, Madrid, País Vasco e Valencia.

Lembramos que para visitar as nosas instalacións é necesario concertar previamente a visita no teléfono 981 56 37 77 en horario de 9 a 11 e de 12 a 14 horas.

O principal obxetivo do Foro RENISLA2014 é crear un espazo de cooperación para a transferencia de coñecementos, tecnoloxía e experiencias avanzadas orientado a territorios que aspiran a ser autosuficientes a partir das fontes de enerxía renovables. Coa celebración do Foro RENISLA, desenvolvido en colaboración coa UNESCO, esperase consolidar unha plataforma de cooperación internacional para o fomento de iniciativas 100% renovables. Ao encontro asistiron representantes das principais organizacións internacionais e redes relacionadas, así como os territorios máis activos na materia. No mencionado foro tamén se inaugurou a Central Hidroeólica Gorona do Vento que converteu á Illa de Hierro, no primeiro territorio do mundo en ser completamente autosuficiente a partir das fontes de enerxías renovables.

RENISLA desenvólvese en asociación coa iniciativa RENFORUS da UNESCO que destacou recentemente a Sotavento como caso de boa práctica a nivel mundial.

Paxinación de entradas