Un ano máis, visitan as nosas instalacións membros do curso de Formación do Profesorado “Science & Art: so similar, so different!”. Dito curso está incluído no Catálogo Comenius da Unión Europea e o seu obxectivo fundamental é amosar a relación entre ciencia e arte, polo que os visitantes coñeceron o lado máis artístico–científico do noso Parque.

En Sotavento mestúrase a cotío ciencia e arte co fin de motivar e facilitar a comprensión de fenómenos complicados para o público non especializado. Neste caso, a visita complementouse coa exposición temporal de cadros “Ciencia & Vanguardia” da artista e científica galega Margarita Cimadevila.

Os participantes neste curso, profesores de secundaria, procedían de países como Alemaña, Suecia, Bulgaria, Turquía, Francia, Hungría, Portugal, etc. e permaneceron nas nosas instalacións entorno ás tres horas e media.

Un ano máis unímonos á celebración do Día Mundial da Auga, que ten lugar o 22 de marzo de cada ano.

Hai catro anos, a Organización das Nacións Unidas declarou que o acceso a este recurso é un dereito humano, non obstante, a día de hoxe case 800 millóns de persoas carecen de acceso a auga potable.

Este ano, o tema deste Día Mundial é “Auga e enerxía”. Só o 3% da auga que hai na Terra é doce, e menos do 1% é accesible para o uso humano, por iso, aquí vos deixamos uns consellos para facer un uso máis eficiente deste recurso escaso e indispensable:

– Utilizando electrodomésticos eficientes e as lavadoras e lavalouzas a plena carga podes aforrar máis de 10.000 L de auga ao ano.
– Non tires aceite polo vertedoiro, xa que 1 L de aceite pode contaminar ata 100.000 L de auga.
– Non tires cabichas no inodoro, xa que cada unha contamina ata 50 L de auga.
– Pecha ben as billas, unha gota por segundo supón 30 L ao día.
– Lavar o coche a máquina aforra un 80% de auga en cada lavado con respecto a facelo a man.
– Utilizando a ducha en vez da bañeira afórranse 150 L de media en cada baño.

Con motivo do Día Internacional dos Bosques, que se celebra todos os anos o 21 de Marzo, inauguramos nas nosas instalacións unha exposición sobre biomasa.

Ademais de servirnos como fonte de enerxía, os bosques e as árbores subminístrannos alimentos, proporciónannos aire puro e auga limpa, actuando como freo ao cambio climático.

Moitos bosques a nivel mundial foron desaparecendo co tempo e outros moitos atópanse en perigo, por iso, esta exposición elaborada polo CENEAM amósanos cómo facer un uso sostible da biomasa e así contribuír ao coidado das nosas árbores ao mesmo tempo que sacamos proveito desta fonte de enerxía renovable.

Ao longo dos 9 paneis que compoñen esta exposición, o visitante poderá mergullarse na historia para ver cómo o ser humano se aproveitou sempre dos beneficios que nos ofrece a biomasa e cómo foi cambiando no uso da enerxía ao longo dos anos. Tamén nos amosa os diferentes tipos desta fonte enerxética e varios exemplos de usos forestais sostibles.

Considérase biomasa toda aquela materia orgánica que conforman os seres vivos e ten como orixe a fotosíntese das plantas como poden ser restos vexetais, excrementos animais, augas residuais, lixo, etc. Dende o punto de vista enerxético, a biomasa é a enerxía almacenada nesta materia orgánica e que pode ser transformada para diferentes usos.

Esta exposición tamén pode ser complementada con visitas ás nosas instalacións, onde se pode observar o aproveitamento enerxético da biomasa en diferentes instalacións reais.

A iniciativa RENFORUS (Un Futuro de Enerxías Renovables para os sitios da UNESCO), posta en marcha pola UNESCO,decidiu distinguir a experiencia do Parque como caso de “Boas Prácticas” e incluílo na súa publicación de casos de éxito como un dos 32 casos destacados a nivel mundial.

O principal obxectivo desta iniciativa, que involucra a territorios repartidos en 117 países de todo o mundo, é promover a sostibilidade enerxética das Reservas de Biosfera e Sitios do Patrimonio Mundial, consolidando estes lugares como auténticos modelos de excelencia no uso sostible e integrado das fontes renovables.

Unha boa práctica RENFORUS non ésoamente una práctica de enerxía sostible, senón que tamén debe demostrar o seu bo funcionamento e os seus bos resultados, de maneira que poida ser recomendada como un modelo a seguir. No seu conxunto, para que unha experiencia nun sitio UNESCO poida ser destacada como boas prácticas debe representar o seu compromiso para mellorar a eficiencia enerxética, reducir as emisións de gases e aumentar o uso de fontes de enerxía renovable no ámbito local.

Neste sentido, Sotavento constitúe un caso de éxito de cómo a iniciativa pública e privada poden unir os seus esforzos no eido das renovables, combinando a produción coa actividade educativa e a capacidade de crear unha oferta intelixente para os visitantes nunha reserva de biosfera.

O Parque atópasedentro daReserva de Biosfera Terras do Miño efoi incluído na categoría de “RES – Education&Tourism”, xa que abre a posibilidade ao desenvolvementode novas formas de turismo intelixente e responsable, onde o coñecementodas enerxías renovables se convertenun atractivo enun recurso.

Para a súa selección como exemplo de boas prácticas tivéronse en conta os seguintes criterios clave: Representatividade, sostibilidade enerxética e ambiental, diversidade de alcance e resultados, eficacia e éxito, viabilidade económica e técnica, enfoque participativo, potencial de replicación e adaptación, relevancia para a sostibilidade enerxética local, etc.

Dende a súa inauguración no ano 2002, Sotavento demostrou unha contribución positiva á eficiencia enerxética e ao uso de renovables, pasando polas nosas instalacións nestes 12 anos máis de 220.000 visitantes.

Para máis información sobre a iniciativa RENFORUS: http://www.renforus.net/

 

80 alumnos ferroláns participaron en Sotavento da celebración do Día Mundial pola Redución das Emisións de CO2.

Trátase dun día designado pola Organización das Nacións Unidas (ONU) co obxectivo de crear conciencia e sensibilizar os habitantes do noso planeta sobre o cambio climático e os impactos ambientais que esta ocasiona. Sotavento dedicou as actividades de hoxe especificamente a tratar este tema con alumnos do IES Sofía Casanova de Ferrol.

O CO2 é esencial para o ciclo biolóxico das plantas, polo tanto é altamente beneficioso e necesario para a vida no planeta. Ao ciclo no que participa o CO2 chámaselle Ciclo do Carbono. Por outro lado o efecto invernadoiro natural, é o que permite a vida na terra ao manter unha temperatura media de 15º C polo que de por si é beneficioso.

O problema xorde cando crece a concentración de CO2 e outros gases pola acción humana o que provoca unha alteración do efecto invernadoiro e polo tanto do clima.

O transporte e a industria son os principais causantes deste aumento. Sotavento invita a tomar conciencia sobre a importancia de reducir estas emisións mediante accións de sentido común que non teñen porqué implicar unha redución da nosa calidade de vida e se, en moitos casos, unha mellora da nosa economía doméstica.

Paxinación de entradas