Sotavento inaugurou dúas novas exposicións: “A gota que nos dá a vida” e “A esfera da auga”, con motivo do DÍA MUNDIAL DA AUGA.

O 22 de decembro de 1993, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 22 de marzo de cada ano como Día Mundial da Auga. Dende este momento, diferentes Estados de todo o mundo consagraron este día e decidiron aproveitalo para a difusión e concienciación da necesidade de conservación e desenvolvemento dos recursos hídricos.

Este ano, o Día Mundial da Auga, enmárcase dentro do “Ano Internacional da Cooperación na Esfera da Auga”, co que se persegue unha boa xestión e a cooperación entre os diferentes grupos de usuarios para promover o acceso á auga e a loita contra a súa escaseza.

En conmemoración deste día, Sotavento inaugurou nas súas instalacións dúas novas exposicións, “A gota que nos dá a vida”, elaborada integramente en Sotavento e “A esfera da auga”, producida polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

“A gota que nos dá a vida” invita ao visitante a coñecer o ciclo da auga e, sobre todo, o desequilibrio que os actos humanos causan no mesmo. Esta mostra vese apoiada cos 21 paneis que compoñen a exposición “A Esfera da Auga”. Esta última introduce ao visitante no mundo da auga, dende as súas propiedades químicas ata o seu papel na historia e na civilización humana. Dividida en dous bloques, o primeiro de “Auga e Natureza” segue o curso do ciclo hidrolóxico, a súa relación co clima e cos ecosistemas. O segundo, “Auga e Sociedade”, intérnase na influencia do ser humano no ciclo natural da auga, a súa contaminación, solucións para o acceso á auga potable e a relación deste recurso coa historia, a saúde e a tecnoloxía.

As instalacións de Sotavento acolleron o acto inaugural do segundo cuadrimestre do curso 2012-2013 da UNED Sénior de Eume e Terra Chá.

A apertura do acto, que deu comezo á segunda parte do curso da universidade para maiores, tivo lugar a cargo de representantes da UNED na Coruña; do xerente de Sotavento, José Núñez, e do coordinador da Uned Sénior de Eume e Terra Chá, Luis Ángel Rodríguez Patiño. Ademais, estiveron acompañados polos Alcaldes de Guitiriz, Xermade e Monfero entre outras autoridades.

Trala apertura do acto, que xuntou a máis dun centenar de persoas, os representantes de cada un dos Concellos asociados fixeron entrega dos diplomas correspondentes ao primeiro cuadrimestre do curso. Seguidamente, persoal da área divulgativa de Sotavento tratou de reflexionar sobre os focos de emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera e aportou consellos para mitigalos. Santiago Pemán pechou a xornada falando da incidencia e repercusións do cambio climático e, como clausura, o coro da UNED Sénior fixo interpretación do seu himno.

O 5 de marzo celebrouse en todo o mundo o Día Mundial da Eficiencia Enerxética, unha grande aliada á hora de reducir gastos na nosa vida cotiá. A orixe deste Día Mundial remóntase á primeira conferencia internacional sobre a devandita materia, celebrada en Austria en 1998. Máis de 350 expertos e líderes de 50 países debateron sobre a crise da enerxía e sobre a eficiencia enerxética como unha das posibles medidas para combatela.

Todos sabemos que a mellor forma de aforrar e de coidar o noso medio é non consumir enerxía pero, se debemos facelo, o mellor é procurar facelo do xeito máis eficiente posible, é dicir, conseguindo o mesmo, pero empregando menos recursos.

A Fundación Sotavento Galicia uniuse á conmemoración do Día Mundial da Eficiencia Enerxética, dedicando toda unha semana á divulgación de aspectos relacionados co aforro e a eficiencia enerxética. Deste xeito, case medio millar de persoas tiveron a oportunidade de comprobar cómo un sinxelo xesto pode ter importantes vantaxes económicas e ambientais.

As visitas a Sotavento durante esta semana, compostas por grupos técnicos, de secundaria, bacharelato e ata particulares procedentes das catro provincias galegas, puideron constatar que a eficiencia enerxética pode ir da man da calidade de vida, xa que ser máis racional co uso da enerxía non ten por qué facernos perder en comodidade.

Durante esta semana tratamos de reflexionar sobre o uso da enerxía nos nosos fogares. Lembramos que algo tan sinxelo como eliminar o consumo en espera dun televisor que se acende unha media de catro horas diarias en todas as vivendas españolas, pode axudarnos a aforrar no noso país máis de 165 millóns de euros ao ano e evitar a emisión de case 400.000 toneladas de CO2 anuais á atmosfera. Neste sentido, segundo datos do IDAE, a enerxía consumida polos aparatos mal apagados supera incluso o consumo de electrodomésticos como lavalouzas, conxeladores, ordenadores ou incluso fornos, supoñendo máis do 10% do consumo total dos electrodomésticos.

A eficiencia enerxética non debe estar centrada nunha semana, senón que debemos empregar estas técnicas de uso racional da enerxía durante todo o ano. De feito, a Fundación Sotavento Galicia ven realizando unha importante labor neste sentido dende o ano 2002, tratando de proporcionarlles aos máis de 200.000 visitantes que se achegaron ao noso Parque, a capacidade de avaliación e análise da realidade enerxética que nos rodea e amosarlles cómo o seu pequeno gran de area pode contribuír moi favorablemente no avance cara un mundo mellor.

Co motivo do Día Mundial da Enerxía, que se celebra todos os 14 de febreiro dende o ano 1949, Sotavento inaugura a exposición “La energía nos mueve. Ciencia para una energía más limpia, sostenible y accesible” elaborada e producida polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Esta exposición, composta por 20 paneis, ofrece unha perspectiva global sobre a situación enerxética mundial e as novas tecnoloxías que se están a investigar para acadar unha electricidade e un transporte máis limpos. Entre as alternativas amosa a enerxía atómica de fusión, solar térmica de concentración, cela de combustible, etc. Tamén fai fincapé na situación concreta de España e inclúe consellos e medidas que se poden levar a cabo para contribuír ao cambio do modelo enerxético.

Paxinación de entradas