As instalacións de Sotavento acolleron ao primeiro vehículo eléctrico de autonomía estendida de Europa, o Opel Ampera. Este vehículo é capaz de percorrer máis de 500 km sen repostar grazas á combinación dun motor eléctrico e outro alimentado con gasolina. Esta autonomía, xunto cos seus 150 CV de potencia, converten a este modelo no vehículo eléctrico máis vendido en Europa a pesar de que en España só existen 33 unidades e en Galicia só unha.

A diferenza deste vehículo coa xa coñecida tecnoloxía híbrida radica en que para impulsarse unicamente emprega o motor eléctrico, mentres que o motor de combustión só serve para recargar as baterías e non como forza de propulsión directa.

A presenza deste modelo en Sotavento, forma parte das distintas actividades que a Fundación Sotavento Galicia está levando a cabo no eido da mobilidade sostible. Aproximadamente un centenar de visitantes puideron coñecer máis de preto, este e outros modelos eléctricos grazas á colaboración de Mercauto, Concesionario Opel de Vilalba. Ademais puideron comprobar, a partir de datos reais extraídos dos estudos que realiza a Fundación, as potencialidades e comportamento desta tecnoloxía eléctrica en condicións normais de uso.

As distintas actividades foron organizadas polos institutos Basanta Silva e Lois Peña Novo. A Fundación Sotavento Galicia, colaborou cunha ponencia onde realizou un repaso histórico deste tipo de vehículos así como unha análise da proxección futura da mobilidade eléctrica.

A actividade espertou unha enorme expectación ao contar cunha mostra representativa dos principais vehículos eléctricos existentes no mercado. Deste xeito, puideron observarse importantes novidades no eido automobilístico como o Opel Ampera, primeiro híbrido de autonomía estendida; o Peugeot 508, primeiro Híbrido Diésel; o Nissan Leaf e Renault Twizy como eléctricos puros, acompañados por outros modelos máis consolidados no mercado como o Toyota Prius e o Toyota Auris híbrido.

Entorno ás 600 persoas participaron nalgunha das actividades previstas posiblemente pola presenza de tanta e tan variada tecnoloxía de vehículos eficientes. Isto foi posible grazas á colaboración da Fundación Sotavento Galicia e dos concesionarios Mercauto, Peugeot Valdesuso, Grupo Breogán, Ibericar Gestoso e Fergil Auto.

A xornada completouse con sesións técnicas explicativas, empregando motores eléctricos reais, impartidas polo equipo docente de automoción do IES Lois Peña Novo.

O Parque Eólico Experimental Sotavento convoca o XI Certame Renovable con premios para as categorías de Fotografía e Pintura e Debuxo.

Un ano máis, este certame pretende incentivar diferentes iniciativas relacionadas co mundo das enerxías renovables en xeral e coa idea de Sotavento en particular. Deste xeito procúrase un maior coñecemento da realidade enerxética que nos rodea caracterizada polo esgotamento de recursos e polos problemas ambientais derivados dun excesivo consumo de enerxía.

As fotografías e debuxos presentados antes do 24 de maio do 2013 ás 12:00 horas, serán valorados por un xurado cualificado que terá en conta a creatividade, orixinalidade, enfoque do tema, calidade e funcionalidade, etc. A fotografía que resulte gañadora obterá un premio de 500 €, mentres que os debuxos gañadores de cada un dos tres ciclos de educación infantil e primaria, recibirán un cheque regalo por valor de 100 €.

Paxinación de entradas