Sotavento participou na II Feira da Enerxía de Galicia que tivo lugar do 22 ao 24 de marzo no recinto feiral de Silleda.

Durante as tres xornadas, achegáronse máis de 5.000 persoas a coñecer o noso proxeto Educativo-Divulgativo.

Nun espazo dedicado exclusivamente á difusión e sensibilización en materia de enerxías renovables e eficiencia enerxética, os visitantes puideron coñecer de primeira man as fontes de enerxía renovables, datos sobre consumo eléctrico, consellos relacionados coa eficiencia e o aforro enerxético, etc. Ademais, os máis pequenos, así como centenares de escolares de centros educativos da zona, puideron coñecer dunha forma máis lúdica as posibilidades do vento e do sol a través de diferentes obradoiros de papaventos e da elaboración dun chocolate feito nunha cociña solar parabólica.

Nesta segunda edición, a Feira da Enerxía de Galicia contou cun total de 6.235 visitantes, entre profesionais e consumidores, o que supón un considerable aumento con respecto á edición anterior, onde se acadaron os 5.500 visitantes. Segundo datos da organización, o público procedeu de case todas as comunidades españolas, pero tamén de outros países como Portugal, Francia, Suíza, Uruguai, Dinamarca ou Reino Unido.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, foi o encargado de clausurar o evento, acompañado do vicepresidente, Alfonso Rueda, do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e do Director Xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, entre outros.

Sotavento acolleu nas súas instalacións aos participantes nunhas xornadas sobre enerxía e cambio climático desenvoltas pola Deputación de Lugo xunto co colectivo ecoloxista ADEGA. O simposio xuntou a varios expertos sobre o sector enerxético galego e enmarcouse no programa de actos da Deputación sobre a “Hora do Planeta”, expoñendo a importancia de trasladar a cuestión enerxética e o impacto do cambio climático á reflexión pública.

Nestas xornadas tamén se trataron aspectos máis concretos como a factura eléctrica, as medidas de aforro e a eficiencia enerxética nos fogares. Neste aspecto, os educadores de Sotavento puideron amosar de maneira empírica na Vivenda Bioclimática as consecuencias sobre o medio das nosas accións na vida cotiá.

Cada 5 de marzo celébrase o Día Mundial da Eficiencia Enerxética. Como cada ano, aproveitamos esta data para facer aínda máis fincapé no aforro e uso responsable da enerxía e dar lugar á reflexión sobre os nosos hábitos ineficientes e actuar en consecuencia.

O noso consumo enerxético provén en máis dun 80% de fontes de enerxía non renovables e que nos fan depender enerxeticamente doutros países. Ademais, un 30% das emisións de gases contaminantes que emitimos á atmosfera deriva da queima destes combustibles como consecuencia dos nosos desprazamentos diarios por estrada e do consumo enerxético das nosas vivendas.

Nun período de crise económica como o que vivimos, o uso responsable de enerxía pode converterse nun gran aliado á hora de reducir gastos e, en definitiva, de facer máis con menos. En moitos casos poñer en marcha pequenas iniciativas eficientes a nivel doméstico significa importantes aforros económicos que, na maioría dos casos, levan tamén asociadas significativas vantaxes ambientais e mesmo melloras na calidade de vida.

Neste aspecto, a campaña “Dálle Luz á Túa Factura”, levada a cabo polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e o Instituto Galego de Consumo (IGC) por medio do noso departamento divulgativo, serviu como ferramenta de divulgación, formación e sensibilización para achegar á cidadanía o contido do recibo eléctrico e consellos prácticos para aforrar no consumo de electricidade.

É moi importante recalcar tamén, que ser máis eficiente non implica perder en calidade de vida, senón conseguir o mesmo con menos recursos, podendo incluso mellorar o confort.

Unha vez máis a Vivenda Bioclimática tamén é unha ferramenta clave nas nosas actividades, nas que os participantes poden comprobar que ser eficiente nos nosos fogares é algo fundamental e que nos implica a todos.

Tamén poñemos a disposición de todo aquel que o desexe e a través da zona interactiva desta páxina web varias aplicacións gratuítas que nos permiten facer cálculos sobre o consumo eléctrico do noso fogar, a elección dos nosos electrodomésticos ou o consumo de auga. Ditas aplicacións permítennos coñecer dun xeito práctico os datos tanto económicos como ambientais que poden proporcionarnos as diferentes medidas mencionadas.

Por exemplo, o cambio de 5 lámpadas incandescentes de 75 W por 5 lámpadas LED da mesma iluminación e cun uso medio de 1 h ao día faríanos aforrar máis de 15 € ao ano nas nosas facturas e evitar a emisión á atmosfera de máis de 20 kg de C02 anuais. Se, ademais, eliminamos os consumos ocultos e en espera de pequenos aparatos electrónicos e cargadores de baterías e usamos lavadoras e frigoríficos máis eficientes, o aforro ascendería a máis de 140 € anuais e as emisións evitadas de CO2 á atmosfera por vivenda a máis de 200 kg ao ano. Isto, extrapolado a todas as vivendas de Galicia suporía deixar de emitir á atmosfera máis de 260 mil toneladas de CO2 ao ano.

No ano 2017 Sotavento superou os 9.000 visitantes aumentando os datos de afluencia do ano 2016. A media de visitas mensuais supera as 22 cunha duración media por visita de 4 horas. Os colectivos máis implicados volven ser grupos con carácter técnico seguidos por alumnos e alumnas de secundaria e asociacións de todo tipo.

O luns día 25 de setembro comezará o prazo de solicitude de visitas a Sotavento para o curso académico 2017/2018. O horario de atención será de 9:00h a 11:00h e de 12:00h a 14:00h.

Co fin de facilitar a visita a Sotavento a un maior número de visitantes, comunicámosvos que no momento de reserva será imprescindible sinalar os cursos, o número de alumnos/as e os horarios xunto coas datas solicitadas.

Informarvos ademáis que a participación nas actividades conlevará un pequeño custe de 2 € para menores de idade e de 3 € para adultos (os profesores e acompañantes quedan excluídos do pago).

Reserva de datas: 981563777 ( De 9:00h a 11:00h e de 12:00h a 14:00h ).
Información xeral: 981441020 (De 10:00h a 14:00h)

Esperámosvos!!

Paxinación de entradas