As Universidades galegas destacan Sotavento e as Instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento como un lugar ideal para complementar a formación dos seus alumnos.

O pasado 21 de abril, coincidiron nas instalacións do parque alumnos de dúas das principais universidades galegas.
Por unha banda, a UDC (Universidade da Coruña) unha vez máis optou por traer aos seus alumnos de Master en Enerxía Eólica e alumnos de 2º e 3º curso de Grao en Enxeñería, que a través dunha visita técnica puideron coñecer de primeira man as instalacións e funcionamento dun parque eólico, unha oportunidade que ofrece Sotavento e é única probablemente a nivel mundial.
Ao mesmo tempo, máis de 15o alumnos da Facultade de Ciencias da Educación da USC (Universidade de Santiago de Compostela) participaron nas actividades educativas de Sotavento, centrando a súa atención principalmente na pedagoxía e a metodoloxía coas que se desenvolven todas as actividades do Plan Educativo.

Ambas as actividades, veñen a sumarse a outras xa realizadas por estes centros ao longo de curso académico 2016-2017, xa que, cada vez son máis os centros de estudos superiores que elixen Sotavento como un lugar ideal para a formación externa dos seus alumnos.

O pasado 30 de marzo a Axencia Provincial da Enerxía de Cádiz (APEC) acolleu a entrega da 9ª edición dos Premios Nacionais de Enerxía EnerAgen 2017.

Avalados polas axencias españolas de xestión da enerxía asociadas a EnerAgen, estes premios buscan o recoñecemento das mellores actuacións de fomento e utilización das Enerxías Renovables e Uso Racional da Enerxía e Eficiencia Enerxética en todo o territorio nacional.

Nesta 9º edición dos premios, o ” Plan Educativo Divulgativo de Sotavento” foi recoñecido cunha mención de honra na categoría de sensibilización e difusión das Enerxías Renovables e a Eficiencia Enerxética.

Ademais de Sotavento, resultaron premiados nas distintas categorías, Concellos situados en Xirona e Castelló así como a Deputación de Granada entre outros.

A quincuaxésima sétima edición do Curso de Saúde Ambiental, celebrado do 20 ao 23 de marzo no auditorio municipal “Carmen Estévez” do Concello de Vilalba , toca o seu fin cun “éxito completo”.

Segundo datos da organización, esta última convocatoria sumou máis dun centenar de inscritos chegados desde Galicia, Asturias ou Valencia que ao longo de 3 xornadas puideron beneficiarse do extraordinario coñecemento dos 33 expertos relatores que participaron nas diferentes sesións plenarias.

Cambio climático, xestión de augas e residuos, patrimonio natural e posibilidades turísticas da comarca chairega foron algúns dos temas debatidos durante as xornadas, nas que Sotavento participou cunha sesión baixo o título de ” Contribución de Sotavento á a investigación, formación e educación en materia de enerxías renovables e aforro e eficiencia enerxética”.

Ademais, durante a xornada de clausura os participantes realizaron visitas prácticas á Edar de Entrepinares no polígono de Vilalba, a emblemática charca do Alligal de Codesido e ao Parque Eólico Experimental de Sotavento en Xermade.

Desde 1998, cada 5 de marzo celébrase o Día Mundial da Eficiencia Enerxética. Foi durante a 1º Conferencia Internacional da Eficiencia Enerxética celebrada en Austria, onde se decidiu establecer unha data na que todos os cidadáns reflexionásemos sobre a problemática do uso abusivo dos combustibles fósiles e a importancia de comezar a empregar fontes de enerxía alternativas.

Un ano máis, Sotavento uniuse á conmemoración do devandito evento centrando as súas actividades da semana do 6 ao 12 de marzo principalmente á divulgación de aspectos relacionados co aforro e a eficiencia enerxética.
Máis de 300 persoas, chegadas das 4 provincias galegas, percorreron as instalacións de Parque Eólico Experimental Sotavento comprobando eles mesmos que un simple xesto pode ter grandes vantaxes ambientais e económicas sen afectar á nosa calidade de vida.

Conscientes da importancia de que as medidas de aforro e eficiencia deben converterse en algo cotián do noso día a día, Sotavento convidou aos participantes a depositar o seu consello de eficiencia enerxética, co fin coñecer cales son as medidas de aforro máis empregadas pola cidadanía.

Concluída a semana e analizados os resultados, obtense que o 43% dos enquisados cre que se deberían de construír máis vivendas bioclimáticas, o 26% pensa que se debería de aforrar máis electricidade, mentres que o 22% incide na necesidade do aforro de auga, cun 9% restante que indica a importancia do aproveitamento solar.

A Asociación de Empresas de Eficiencia Enerxética – A3e e a Editorial O Instalador recoñecen a Sotavento e a súa traxectoria como mellor Acción Divulgativa de Eficiencia Enerxética 2016 e concédenlle o 1º premio na súa categoría.

A sede COAM de Madrid acolleu o xoves 17 de novembro de 2016 no marco do II Foro Nacional de Eficiencia Enerxética (FOROGEn), a cerimonia de entrega dos IV Premios de Eficiencia Enerxética.

Organizados por A3e – Asociación de Empresas de Eficiencia Enerxética e a editorial O Instalador coa colaboración do IDAE e de ENDESA, estes premios buscan o recoñecemento ao labor desenvolvido por institucións, empresas, profesionais e estudantes en beneficio á eficiencia enerxética en España.

Entre as máis de 30 candidaturas presentadas, o xurado concedeu a Sotavento o 1º premio na categoría de mellor Acción Divulgativa de Eficiencia Enerxética. Na que tamén resultaron premiados a “Campaña Cinergía” presentada por AREA MEDIA e “Fulldome” (Experiencia inmersiva para a promoción de sistemas híbridos con Aerotermia) presentado por SAUNIER DUVAL.

José Núñez Baña e Manuel Díaz Fernández, Xerente e responsable da área premiada respectivamente, foron os encargados de recoller o premio en Madrid.

Navegación de entradas