Sotavento participou co seu proxecto educativo na I Feira da Enerxía de Galicia celebrada do 14 á 16 de abril no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca de Silleda.

Ao longo das tres xornadas, máis de medio milleiro de escolares de centros educativos próximos participaron nas actividades desenvolvidas por Sotavento. A esta cifra debemos aumentar as visitas non programadas así como o público en xeral. En total, 5.500 persoas, segundo datos da organización do evento.

Nun espazo dedicado 100% á difusión e sensibilización en materia de EERR e eficiencia enerxética, os visitantes puideron coñecer de primeira man as fontes de enerxía renovables, datos sobre o consumo eléctrico, consellos relacionados coa eficiencia enerxética e mesmo gozar das vantaxes da mobilidade sostible coa experiencia de conducir un coche ou bicicleta eléctrica. Entre outras moitas actividades cabe destacar os talleres dedicados aos máis pequenos, onde de maneira divertida aprenderon as múltiples vantaxes do vento coa elaboración de diferentes tipos de cometa

Esta primeira cita do sector enerxético en Galicia, que contou con máis de 92 expositores chegados dende España, Francia e Portugal, cun total de 239 firmas e máis de 74 conferencias, foi inaugurada polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Aínda que ao longo das tres xornadas foron outras moitas as autoridades que visitaron o recinto, como o Director Xeral de Enerxía e Minas, Anxo Bernardo Tahoces ou o Conselleiro de Educación e Cultura da Xunta de Galicia Román Rodríguez.

Como vén sendo habitual desde hai uns anos Sotavento colabora co Proxecto Climántica Intercambios 2016. Unha iniciativa que ten como principal obxectivo a procura de respostas educativas fronte ao cambio climático mediante intercambios de Educación Científica e Ambiental entre comunidades autónomas e países implicados no proxecto.

O pasado xoves 31 de marzo, Sotavento recibiu a vista nas súas instalacións de case un centenar de alumnos e alumnas procedentes do Colegio Decroly da Lagoa (Canarias) e o IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, centros inmersos neste momento no Proxecto Climántica cun intercambio entre os seus alumnos e alumnas.

En cada intercambio compáranse os aspectos craves das dúas comunidades para a mitigación e adaptación ao cambio climático: transformación e adaptación dos combustibles fósiles, xestión de auga, impacto das enerxías renovables, etc…
Para logralo, selecciónanse equipamentos de divulgación científica e ambiental xunto con contextos que destaquen por ser recursos de calidade, principal motivo polo que a visita ao Parque Eólico Experimental Sotavento faise habitual dentro desta iniciativa.

Por segundo ano consecutivo, a Escola Jesuítas Sarriá Sant Ignasi de Barcelona participa nas actividades educativas online impartidas por Sotavento.

Trátase dunha actividade na que participaron uns 200 alumnos e alumnas de Primaria de dito centro, durante a cal puideron coñecer de primeira man as instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento e solucionar as súas dúbidas en materia de enerxías renovables e eficiencia enerxética. Este tipo de actividades a distancia, son posibles grazas ás diferentes TIC (Técnicas de información e comunicación) e medios informáticos dos que dispón Sotavento en conxunto cos medios informáticos dispoñibles nos centros escolares, como pizarras dixitais…

As actividades educativas online, comezan en Sotavento no ano 2015, e desde entón son varios os centros interesados nesta iniciativa, probablemente única en Galicia, que brinda a oportunidade de coñecer Sotavento a gran cantidade de alumnos que pola súa distancia ao parque, farían complicada unha actividade presencial.

Os desprazamentos necesarios para o mantemento do Parque Eólico Experimental Sotavento realizaranse desde hoxe cunha furgoneta eléctrica.

O vehículo foi entregado por representantes de Peugeot á empresa IMFuture, unha das compañías responsables do mantemento do parque.

O Parque Eólico Experimental Sotavento é un referente na investigación demostración, formación e divulgación das enerxías renovables e o aforro enerxético. Inaugurado en 2002, máis de 200.000 persoas visitaron as súas instalacións. Nos últimos anos, Sotavento desenvolveu unha serie de proxectos demostrativos en materia de mobilidade sostible. Entre eles destaca o simulador para o estudo do vehículo eléctrico, “SIMIVE”, que permite ao usuario visualizar datos e realizar comparativas reais entre diferentes parámetros como o consumo, emisión de gases, aforros económicos, dos coches eléctricos, etc. Estes proxectos foron recoñecidos con distintos premios entre os que destaca o de “mellor práctica en mobilidade sostible concedido pola Fundación Renault”.

Neste contexto, parece coherente que os desprazamentos que posibilitan o correcto funcionamento do propio parque, realícense con medios máis respectuosos, sustentables e á vez económicos. No caso de Sotavento, ás vantaxes intrínsecas do vehículo eléctrico, engádeselle o factor ejemplarizante, demostrativo e de estudo práctico das súas posibilidades.

A adquisición de Peugeot Partner eléctrica débese principalmente ao carácter industrial da mesma, que xunto aos seus 170 km de autonomía, convértena nun vehículo ideal para realizar o mantemento dos eólicos. Ademais, comparado co vehículo convencional utilizado ata agora, IM Future deixará de emitir anualmente máis de 3 Tm de Co2 á atmosfera cun aforro económico de máis de 1.300 €/ano. Isto supón que en pouco máis de 3 anos, a empresa amortizará o sobrecusto do vehículo eléctrico. Isto sen contar que o custo de mantemento reducirase nun 70% pola ausencia de correas, aceites, etc. O custo das inspeccións técnicas (ITV), tamén se verá reducido en aproximadamente un 25%.

Peugeot Partner eléctrica:

A furgoneta, de fabricación galega, presenta un motor síncrono de imáns permanentes que xera unha potencia de 49 kW (67CV) e un par constante de 200 Nm alimentado por un pack de baterías de iones de litio de 22, 5 kWh. Pero sen dúbida, a principal característica que a diferenza doutros vehículos eléctricos de prestacións similares, é a existencia de 2 modos de recarga. Ademais do convencional modo de recarga lenta situado na parte frontal do vehículo, a Peugeot Partner presenta un modo de carga rápida, o que permite ao usuario dispoñer do 80% da capacidade do vehículo en tan só 30 minutos. Os propios aeroxeradores poden cargar o vehículo mentres se realizan as tarefas de mantemento alargando así a súa autonomía diaria.

Máis información:

IM future:

IM FutuRe é unha empresa de servizos especializada no mantemento, operación e administración de instalacións en produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de orixe renovable, especialmente en enerxía eólica.

www.imfuture.es

Martínez de Lugo:

Trátase do concesionario oficial de Peugeot para a Provincia de Lugo.

www.martinezdelugo.peugeot.es

 

O Proxecto decidiu visitar as instalacións de Sotavento co fin de coñecer o enfoque e a experiencia que no ámbito pedagóxico acumula esta instalación.

O Proxecto na Comunidade Terapéutica de Cernadas no Val do Dubra está instalando un sistema de abastecemento enerxético de electricidade autosuficiente e pretenden facer una aula formativa adicada ao Aforro e a Eficiencia Enerxética . O obxectivo é que os mozos e mozas internos reciban formación que lles facilite a súa reinserción laboral unha vez recibida a alta terapéutica.

Neste contexto, medio centenar de usuarios, coñeceron polo miúdo as instalacións de Sotavento, as actividades que realiza, aspectos técnicos da instalación e do seu funcionamento interno co fin de aproveitar a experiencia Sotavento para a creación da súa aula. Durante as máis de tres horas de duración, tamén se achegaron aos distintos medios didácticos de elaboración propia cos que conta Sotavento para achegar as enerxías renovables e o aforro enerxético á sociedade.

Esta visita súmase ás máis de 7.000 recibidas durante este ano en Sotavento, que acumula máis de 250.000 visitantes de todos os colectivos e idades dende a súa inauguración no ano 2002. De feito este venres cúmprense 14 anos dende que o CEIP Monseivane de Vilalba, inaugurara as actividades didácticas do Parque Eólico Experimental Sotavento.

Navegación de entradas