O prazo para solicitar visitas a Sotavento para este curso, comeza o próximo mércores día 23 de setembro. Dende ese día, poderase solicitar data para todo o curso académico. O horario de atención será de 9 a 11 e de 12:00 a 14 horas.
Co fin de facilitar a visita a Sotavento a un maior número de visitantes, no momento da reserva, será imprescindible sinalar os cursos, o número de alumnos/as e os horarios xunto coas datas solicitadas. Para axilizar a xestión rogámosvos que teñades esta información dispoñible no momento da chamada.
Un ano máis vémonos na obriga de cobrar 2€ por alumno menor de idade e 3€ polos adultos (ive incl) a excepción dos profesores e acompañantes.
Por último tende en conta que existen dous números de teléfono, un exclusivo para a reserva de datas e outro no caso de que necesitedes información sobre a visita ou teñades calquera dúbida. Cada un deles realizará exclusivamente as súas funcións.

Grazas pola vosa comprensión, esperámosvos!!

Reserva de datas: 981563777 Mari Paz
(9 a 11 e de 12:00 a 14 horas)

Información: 981441020 David ou Manuel
(10-14)

O pasado día 3 de agosto, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) visitou as instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento para realizar un estudo sobre os vehículos eléctricos e puntos de recarga dispoñibles nas instalacións.

Este estudo sobre os puntos de recarga pública de vehículos eléctricos en Galicia, encádrase dentro dunha das actividades desenvolvidas no do marco do Proxecto Transfronteirizo Mobi2Grid, que está a ser levado a cabo mediante unha cooperación transfronteiriza entre o centro galego CTAG e o Cetro portugués para a Excelencia e a Innovación na Industria Automobilística (CEIIA).

“Mobi2Grid”, leva como principal obxectivo posicionar á Eurorregión como pioneira na adopción da mobilidade eléctrica baseada en fontes de enerxía renovables a través da implementación dun sistema integrado e interoperable entre as dúas rexións coa realización dun test piloto con vehículos eléctricos entre o corredor de mobilidade eléctrica Vigo – Porto.

A colaboración de Sotavento no proxecto” Mobi2Grid” baséase principalmente na subministración de datos sobre a mobilidade sostible na zona de influencia do Parque Eólico Experimental Sotavento, así como de especificacións técnicas e de uso do punto de recarga dispoñible nas instalacións.

O novo alcalde de Xermade Roberto García, acompañado do tenente de alcalde Carlos Guerra, visitaron o pasado 29 de xullo Sotavento como representantes da nova corporación municipal.

Nunha visita institucional de dúas horas de duración ambos xestores municipais interesáronse polos proxectos e actividades presentes e futuras do parque, que en palabras do Alcalde “é unha instalación importante no Concello de Xermade, un proxecto de referencia mundial ao que debemos apoiar e valorar dende o Concello”.

Roberto García tamén salientou a necesidade de “apoiar iniciativas coma esta que faciliten o acceso da poboación a información enerxética obxectiva” e concluiu “as enerxías renovables, a eficiencia e o aforro enerxéticos son pilares fundamentais nos que sustentar un futuro sostible”.

Por outra banda, o Concelleiro de Turismo e Teniente de Alcalde Carlos Guerra, destacou que tratará de “explotar e incentivar o enorme potencial turístico do parque implicando aos veciños y veciñas”.

Ambas institucións comprometéronse a colaborar activamente e dentro das súas competencias nos eidos de actuación que comparten relacionados, entre outros, co turismo e o medio ambiente no Concello de Xermade.

Hoxe 30 de xuño, once mozos que participan no curso de electricista organizado pola Fundación Endesa e Cáritas, visitaron Sotavento.

Durante a visita, os alumnos visitaron unha das máquinas instaladas no parque, o que lles permitiu coñecer a estrutura e disposición dos muíños de vento, así como os elementos eléctricos indispensables para o seu funcionamento. Tamén visitaron a Vivenda Bioclimática Demostrativa na cal puideron afianzar os coñecemento sobre domótica adquiridos durante o curso.

O pasado venres 19 de xuño, rematou con grande afluencia a Semana Europea da Enerxía Sostible 2015 (EUSEW) organizada por Sotavento.

Esta última edición da EUSEW celebrada do 15 ao 19 de xuño, buscaba inspirar os consumidores, as autoridades públicas e outras partes interesadas a xuntar esforzos na formación do futuro da enerxía sostible en Europa.

Esta iniciativa nace no ano 2006 en mans da Comisión Europea co obxectivo de difundir as mellores prácticas, inspirar novas ideas e construír alianzas para axudar a cumprir os obxectivos enerxéticos e climáticos da UE. Hoxe en día, é coordinada pola Axencia Executiva da Pequena e Mediana Empresa, en estreita cooperación coa Dirección da Comisión Europea Xeral de Enerxía.

Un ano máis, para conmemorar o devandito evento, Sotavento organizou distintas actividades, das que puideron gozar as máis de 300 persoas que ao longo desta semana visitaron Sotavento.

Por outra banda, o final deste evento coincide coa finalización do curso académico, dando paso ao inicio dun período estival en Sotavento dirixido ao público en xeral interesado en visitar as instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento.

Máis información: https://www.sotaventogalicia.com/gl/node/174

 

Paxinación de entradas