Comeza un novo curso académico e, con el, convocamos outra edición do Certame Renovable de Fotografía. A persoa gañadora recibirá un premio en metálico de 400€.

As fotografías deben ter como temática principal o Parque Eólico Experimental Sotavento e poderanse enviar por correo electrónico ata o 1 de xuño de 2027 ao seguinte enderezo: info-divulgacion@sotaventogalicia.com

Pode participar calquera persoa; non existe límite de idade. As bases do concurso adxúntanse no seguinte documento PDF.

O 7 de setembro ábrese o prazo para xestionar as visitas escolares a Sotavento para o curso 2026-2027. Ante a elevada demanda recibida cada curso por parte da comunidade educativa e do público xeral, a dispoñibilidade de datas é limitada e non se pode garantir que todas as solicitudes poidan ser atendidas ao longo do curso.

Sotavento desenvolve un programa de educación enerxética dirixido ao alumnado, con actividades que se levan a cabo nunhas instalacións de máis de 1.000 m², entre as que destaca unha vivenda bioclimática real.

A eficiencia enerxética, así como as repercusións ambientais e económicas asociadas ao uso das diferentes fontes de enerxía, son algúns dos principais eixes sobre os que se articula este programa educativo.

Así mesmo, tamén se desenvolven actividades nos propios centros educativos que o soliciten, unha modalidade na que educadores/as e materiais se desprazan ata os propios centros de ensino.

Para xestionar unha visita pódese contactar a través do teléfono 981 563 777, en horario de 9:00 a 11:00 h e de 12:00 a 14:00 h.

Sotavento inaugura unha exposición con motivo do seu 25 aniversario. A mostra, titulada “25 anos de Sotavento en imaxes”, conta con tres partes diferenciadas.

Por unha banda 25 fotografías en grande formato instaladas no miradoiro do edificio divulgativo, realizan o recorrido polos 25 anos de Sotavento dende unha perspectiva centrada nas persoas. Deste xeito, as imaxes toman coma protagonistas os máis de 300.000 visitantes que participaron nas actividades de Sotavento ata agora. As fotos, de grande formato, están catalogadas por ano e dispoñen  de códigos QR que aportan información adicional.

Por outra banda, realizouse un álbum dixital que permite achegarnos aos fitos máis significativos da traxectoria de Sotavento. Dende a inauguración no ano 2001 por parte de Felipe VI ata a presentación do proxecto de hidróxeno, da vivenda bioclimática demostrativa, exposicións como “O Quixote e o vento”, premios, recoñecementos, persoeiros, etc. Todo isto co obxectivo de pór en valor os 25 anos de formación, educación enerxética, divulgación, investigación e produción eólica que contemplan Sotavento. Se queres ver o álbum dixital pincha no seguinte enlace: Álbum dixital

Por último, nunha terceira parte da mostra, achegarémonos á historia do parque a través  do xornalismo, cunha recompilación de reportaxes de prensa que ao longo deste cuarto de século, foron dando conta das actividades, proxectos e novidades da instalación. Unha homenaxe aos medios de comunicación que tanto axudan a achegar as nosas actividades á poboación en xeral. Se queres ver a historia do parque a través do xornalismo pincha no seguinte enlace: A historia a través do xornalismo

A exposición física poderá visitarse ata mediados de setembro dentro das visitas guiadas habituais que se levan a cabo con reserva previa no número de teléfono 652808173 ou a través do WhatsApp.

O proxecto de repotenciación consistirá na instalación de dous novos aeroxeradores de última xeración para substituír unidades antigas.

O principal obxectivo desta actuación é substituír 6 aeroxeradores existentes por 2 máquinas de última xeración, o que permitirá  mellorar o rendemento e a eficiencia global do parque, diminuíndo incluso o seu impacto ambiental. Esta mellora permitirá optimizar o rendemento do parque, ao tempo que incrementará os recursos económicos destinadas ao mantemento da instalación e ao desenvolvemento de iniciativas de interese xeral no ámbito enerxético.

Ademais, o proxecto contribúe a reforzar a formación de técnicos cualificados nas tecnoloxías eólicas actuais e permitirá que Sotavento continúe desempeñando un papel destacado como escaparate tecnolóxico. Así mesmo, esta iniciativa busca servir de referencia para outros parques eólicos que desexen modernizar as súas instalacións, aproveitando infraestruturas xa existentes como viais, cableados ou subestacións para substituír aeroxeradores antigos por outros máis potentes e eficientes.

Os 2 novos aeroxeradores que se van instalar teñen unha potencia de 4.200 kW e unha altura máxima de buxe de 131,4m. Desta maneira, o parque eólico pasa de ter unha potencia instalada de 17.660 kW a 22.620 kW.

Sotavento supera os 300.000 visitantes. A visitante número 300.000 foi unha rapaza de 16 anos do CPI Santa Lucía de Moraña.

Ao longo de 2024, recibimos un total de 9.192 visitantes, repartidos en 243 visitas, o que implica un incremento de preto dun milleiro de persoas con respecto ao ano 2023. Deste xeito, Sotavento consolídase como centro de referencia na formación en educación enerxética do alumnado galego e doutras comunidades autónomas.
Un 40 % dos participantes nas nosas actividades pedagóxicas procedían de centros de Secundaria, seguidos por grupos técnicos e centros de Primaria como colectivos máis significativos. Ademais, durante este ano desenvolvemos actividades específicas de formación do profesorado.
Por outra banda, Sotavento constitúe unha ferramenta ideal para o sector eólico e este ano leváronse a cabo numerosos cursos de piloto de drons para a inspección de aeroxeradores, así como simulacros e plans de rescate adaptados ás máquinas eólicas.
Entre outras actividades de interese, destacamos a nosa participación en Enerxetika 2024 (Feira da Enerxía de Silleda) e a recepción, no mes de maio, dos embaixadores dos 27 países da Unión Europea.
No apartado turístico, e como vén sendo habitual nos últimos anos, Sotavento esperta interese entre importantes operadoras que ofertan as actividades do parque a distintas navieiras. Deste xeito, tanto este ano que remata como no vindeiro 2025, distintos cruceiros internacionais con escala en portos galegos achegaranse a coñecer esta singular instalación.
Para o primeiro semestre do ano 2025, 4.000 persoas xa concertaron cita en Sotavento, e mantemos unha lista de espera de máis de 1.000 alumnos/as para o vindeiro curso académico.

Paxinación de entradas