O martes 30 de xullo entregamos un premio de 400 € en metálico á gañadora do noso XII Certame Renovable de Fotografía.

A premiada foi Iria Porto coa fotografía “O Quixote a través do espello”, elixida polo xurado entre unha vintena de candidaturas.

Este certame, que xa vai pola súa duodécima edición, ten como principal obxectivo dar a coñecer o mundo das enerxías renovables en xeral e a idea de Sotavento en particular.

O pasado mes de xullo, as nosas instalacións acolleron unha reunión informativa para a construción da comunidade enerxética de Xermade.

O evento, dinamizado polo Centro Tecnolóxico de Galicia (ITG), líder do proxecto CEL RURAL, ten como obxectivo principal informar e difundir entre a veciñanza as accións e vantaxes de formar parte dunha comunidade enerxética rural. A iniciativa busca fomentar a participación activa dos residentes, promovendo a sustentabilidade e ofrecendo beneficios significativos en termos de redución de custos enerxéticos.

Durante a sesión, os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer en detalle o funcionamento da CEL e como poden involucrarse nesta proposta comunitaria. Discutiuse o impacto positivo que esta comunidade pode ter non só no ámbito económico, senón tamén na calidade de vida e no medio ambiente.

Este evento foi unha invitación aberta á veciñanza, empresas e outras entidades de Xermade interesadas en explorar novas formas de xestión enerxética, máis sostibles e comunitarias.

Un ano máis convocamos o noso Certame Renovable de Fotografía, sendo esta a decimosegunda edición. O gañador ou gañadora do certame, recibirá un premio en metálico de 400€.

As fotografías deben de ter como temática principal o Parque Eólico Experimental Sotavento e poderanse enviar por correo electrónico ata o 30 de xuño de 2024 á dirección: info-divulgacion@sotaventogalicia.com

Non existe límite de idade para as persoas que desexen participar. As bases do concurso anéxanse no seguinte documento pdf.

Bases XII CERTAME RENOVABLE

O martes 18 de xullo, entregamos o premio dotado de 400€ do XI Certame Renovable á súa gañadora, Daniela Calvo García, de As Pontes, coa súa fotografía “Diente de león”.  

Ademais, a gañadora, xunto con outros participantes, puideron desfrutar dunha xornada dedicada ao Sol na que comprobaron as capacidades desta fonte de enerxía a través de exemplo, instalacións reais e demostracións prácticas.  Os máis pequenos participaron en varios obradorios como a realización dun reloxo solar ou a montaxe de pequenos paneis fotovoltaicos para a iluminación dunha lámpada.

Sotavento aposta por este tipo de sistema que consiste na xeración de electricidade a partir de dúas ou máis fontes renovables, compartindo un mesmo punto de conexión. Deste xeito unirá á xeración eólica xa existente a unha planta fotovoltaica de 100 kW sen necesidade de aumentar infraestruturas.

Dita instalación cubrirá a demanda eléctrica dos distintos edificios do Parque e verterá os excedentes á rede, evitando a emisión de máis de 37 Toneladas de CO2 anuais e reducindo a dependencia enerxética doutros países.

Este tipo de hibridación eólica-fotovoltaica é unha ferramenta eficaz para subministrar enerxía, autóctona, inesgotable e eficiente, reducindo as emisións, o prezo da electricidade e contribuíndo á necesaria descarbonización do planeta.

Ademais, este sistema complementará os múltiples recursos técnicos e demostrativos xa existentes en Sotavento dirixidos a conseguir os obxectivos que ten esta instalación no eido da educación enerxética.

Nestas actividades pedagóxicas xa participaron máis de 292.000 persoas dende o 2001. De feito nos 10 meses de duración deste curso académico 2022/2023, acumuláronse máis de 7.500 participantes cun novo récord de afluencia no mes de marzo.

De cara ao verán, Sotavento aumenta os seus contidos exteriores ca incorporación dunha pa real onde comprobar dimensións, materiais e características construtivas. Ademais, renovará paneis, metacrilatos, maquetas e paseos que farán máis atractiva a visita polas zonas externas do Parque.

O Parque Eólico Experimental Sotavento estará aberto durante o verán.

Para visitalo, é imprescindible concerto previo a través do teléfono 981563777.

Paxinación de entradas