Como xa anunciamos hai poucas semanas, xa está aberto ao público o novo Circuíto Permanente de Orientación Sotavento | Serrón do Lobo. Comprácenos invitarvos a participar nesta magnifica actividade na natureza para compartir con familia e amigos e apta para todos os públicos e condicións físicas, xa que tendes 5 percorridos diferentes para escoller con distintas lonxitudes e niveis técnicos. Ademais, é unha fantástica oportunidade para disfrutar da contorna natural e das marabillosas vistas panorámicas que rodean o parque.

Para celebrar a inauguración do circuíto, todas aquelas persoas que completen o circuíto durante o mes de agosto de 2021 terán acceso gratuíto a unha visita guiada polas instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento e participarán nun sorteo sorpresa.

A continuación facilitámosvos os enlaces para descargar os mapas dos 5 percorridos de forma totalmente gratuíta. Lembrade que tamén están accesibles escaneando os QR do panel informativo que atoparedes no exterior do edificio principal.

Mapa Sotavento                                                                                                                                                      

Percorrido 1: Sinxelo Curto

 

Mapa Serrón do Lobo                                                                                                                                           

Percorrido 2: Sinxelo Curto

Percorrido 3: Sinxelo Longo

Percorrido 4: Medio Curto

Percorrido 5: Medio Longo

Sotavento soubo adaptarse ás circunstancias causadas polo Covid-19 reorientando as súas actividades para minimizar o impacto negativo da nova situación sanitaria e económica mundial.

Para iso introducíronse dúas novas modalidades de actividades ademais das habituais: as actividades nos propios centros educativos e as actividades formativas online.

Ademais, leváronse a cabo proxectos demostrativos tales como un sistema de almacenamento de enerxía solar e un sistema preditivo de control do chan radiante, que foron presentados o pasado 21 de xuño durante a celebración do 20º aniversario de Sotavento.

O apartado de formación tamén foi moi relevante neste período con actividades entre as que destaca a colaboración co proxecto MATES (Maritime Alliance for fostering the European Blue Economy through a Marine Technology Skilling Strategy), unha actividade piloto de formación dirixida á formación de formadores en enerxía eólica e cuxo obxectivo é formar ao profesorado técnico nas habilidades necesarias que lles permitan formar aos futuros traballadores do sector eólico offshore.

Os resultados obtidos amosan un total de 163 visitas concertadas durante o curso escolar 2020/2021 nas que participaron 3.830 persoas, o que fai unha media de 23 asistentes por cada visita, sendo o último trimestre escolar o que concentrou o maior número de asistentes.

Como ven sendo habitual dende os inicios da actividade divulgativa en Sotavento, a maior parte das visitas recibidas proceden das provincias de A Coruña e Lugo.

Con respecto ao tipo de colectivos que participan nas nosas actividades, os máis numerosos foron os centros de Educación Primaria e Secundaria, que supuxeron un 80% do total de visitantes durante este ano académico e que desbancan ás visitas técnicas máis habituais nos últimos años.

 

A creación dun Circuíto Permanente de Orientación, en colaboración co Concello de Xermade, potencia as capacidades turísticas do parque no período estival no que nos atopamos. De feito, durante todo o mes de agosto aqueles participantes que consigan realizar algún dos seus variados percorridos no tempo estipulado recibirán un incentivo.

O Concello de Xermade e o Parque Eólico Experimental Sotavento inauguran o circuíto permanente de orientación Serrón do Lobo.

Mediante un convenio de colaboración asinado por ambas entidades, levouse a cabo un mapa da zona e a proposta de cinco percorridos adaptados a todos os públicos con distintas lonxitudes e niveis de esixencia física.

O obxectivo do circuíto permanente de orientación Serrón do Lobo é fomentar as actividades en contacto ca natureza e o deporte ao aire libre ao tempo que se ofrece unha alternativa de ocio gratuíta, apta para todos os públicos e ideal para realizar en familia.

Para realizar a actividade só hai que achegarse ás instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento en Xermade. No exterior do edificio sitúase un panel onde descargar os distintos recorridos a elixir. Para completar o circuíto seleccionado, os participantes deben buscar as balizas marcadas no mapa na orde indicada e anotar o número de control que atoparán en cada unha.

O mapa elaborado servirá tamén para o desenvolvemento de competicións de orientación tanto a nivel nacional como autonómica durante os vindeiros  anos. De feito, durante o acto de inauguración presidido polo Alcalde de Xermade, Roberto Pernas, desenvolveuse en paralelo a I proba da LIGA GALEGA DE TRAIL–O na Modalidade TEMP-O no que participaron medio centenar de corredores.

O circuíto permanente  de orientación Serrón do Lobo amplía a oferta turística do Concello de Xermade. A contorna natural das inmediacións do Parque Eólico Experimental Sotavento ofrece unha localización ideal para este tipo de actividades deportivas, tanto polas características do terreo, que inclúe desniveis, transicións entre distintos tipos de vexetación e zonas máis técnicas, como pola espectacular paisaxe que deleita aos participantes durante o percorrido. Así mesmo, constitúe unha actividade perfecta para gozar dunha xornada ao aire libre en familia ou con amigos, especialmente nestes tempos de pandemia nos que tanto interesa potenciar as actividades de ocio en espazos abertos e na natureza.

O pasado día 21 de xuño tivo lugar a celebración do acto do 20 aniversario do Parque Eólico Experimental Sotavento, ubicado en Momán (Xermade), Lugo.

Ao acto acudiron o Vicepresidente Segundo e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia; os alcaldes de Xermade e Monfero; representantes dos socios que constitúen Sotavento Galicia, S.A. e a Fundación Sotavento Galicia, representantes de diversas empresas que colaboran co Parque Eólico Experimental e o propio persoal do parque.

O acto deu comezo ás 11:30 horas cun percorrido polas instalacións de Sotavento, incluíndo a Vivenda Bioclimática Demostrativa, onde se inauguraron dous dos últimos proxectos demostrativos realizados por Sotavento:

Proxecto de autoconsumo mediante baterías

O proxecto consistiu na instalación dun sistema de almacenamento de enerxía mediante baterías que permite acumular a enerxía eléctrica producida polas fontes renovables existentes na vivenda e favorecer así o autoconsumo. Como todos os proxectos de Sotavento, ten un forte contido demostrativo e divulgativo, para o cal se deseñaron aplicacións específicas que mostran datos reais e históricos da instalación, á vez que permiten calcular costos, amortizacións e incluso realizar extrapolacións reais adaptadas ao caso particular do usuario.

Xestión intelixente do chan radiante da vivenda bioclimática demostrativa

Este proxecto de demostración consistiu en instalar un sistema de xestión do chan radiante da vivenda que, utilizando datos de predición meteorolóxica e tendo en conta a inercia térmica do sistema, anticipa a posta en marcha ou o apagado do sistema en función das previsións do tempo. Deste xeito apórtase un maior confort ao usuario co menor custo enerxético e económico posible.

 

Tras o percorrido emitiuse un vídeo conmemorativo e realizáronse distintas intervencións das autoridades. Nelas lembraron os inicios do proxecto inaugurado polo actual Rei de España Felipe VI e “promovido pola Xunta de Galicia nos anos iniciais do despegue da Eólica” e aludiron aos “compañeiros de viaxe que a administración galega invitou ao proxecto: IDAE (goberno central) e a diversas empresas eléctricas que estaban a desenvolver proxectos eólicos en Galicia (Endesa, Iberdrola e Engasa). As dúas primeiras participan en Sotavento a través de Enel Green Power España, S.L. e Iberdrola Renovables Galicia, S.A”.

Tratábase dun “…proxecto novidoso, incerto e en certa maneira ‘utópico’, dado que no ano 2001 o tema das renovables e, en concreto da eólica, estaban nunha fase moi inicial”.

 

OBXECTIVOS E CARACTERÍSTICAS DE SOTAVENTO
Os obxectivos deste Parque Eólico Experimental eran constituír unha instalación de pequenas dimensións (17,56 MW) que conseguira autofinanciarse por si mesma mediante a enerxía que vendería ao sistema e que, á súa vez, realizara outras accións adicionais a un parque estándar, tales como:

  • Escaparate de tecnoloxías eólicas
  • Centro para proxectos de I+D+i+d
  • Centro para a formación e divulgación enerxética

Nestes 20 anos realizáronse multitude de proxectos de diferente calado e algúns deles tan significativos como:

  • Sistema de xeración e almacenamento de hidróxeno con eólica: un proxecto cunha dobre vertente, por un lado estudouse a idoneidade do hidróxeno como sistema de almacenamento de enerxía que permita a xestión enerxética e económica dun parque eólico e por outro analizouse a xeración de hidróxeno 100% renovable a partir de enerxía eólica.
  • Vivenda bioclimática demostrativa: vivenda deseñada e creada para coñecer e experimentar cos fundamentos das construcións bioclimáticas. Ademais, exemplifica as diferentes solucións enerxéticas renovables que se poden implementar nunha vivenda unifamiliar, tendentes a ter confort no interior co menor custo enerxético. Esta vivenda está dotada, ademais, dunha gran cantidade de pantallas interactivas táctiles deseñadas para ver procesos, interactuar con datos reais, históricos e incluso calcular casos particulares.

Nestes anos Sotavento realizou tamén unha importante labor pedagóxica de concienciación e educación enerxética a través dun proxecto propio, que conseguiu dar contido e potenciar o carácter formativo e demostrativo das instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento entre todos os estamentos sociais.

Como resultado, acadou un gran impacto social, superando as 270.000 persoas que participaron nestas actividades, referendadas por máis de 10 premios nacionais e internacionais.

Hoxe podemos dicir que Sotavento é unha empresa madura, solvente e que, durante estes vinte anos, logrou ser un referente nacional na divulgación e educación enerxéticas.

Durante estes 20 anos realizou unha labor frutífera dende o punto de vista:

  • técnico, como centro de demostración e espazo propicio para desenvolver proxectos de I+D+i+d;
  • social, pola súa labor pedagóxica e de sensibilización social, tan necesaria no mundo enerxético que nos espera e onde actuacións deste tipo son esenciais.

Sotavento mira cara o futuro con optimismo por varias razóns:

  • Por ter conseguido desenvolver con éxito un carácter diferenciador, único no sector, que podemos definir como a “marca Sotavento”.
  • Por estar planificando a repotenciación parcial dalgúns aeroxeradores, o cal permitiralle mellorar a súa conta de resultados, incrementar a actividade divulgativa, tan demandada socialmente, e incrementar o seu rol como escaparate tecnolóxico.
  • Pola necesidade de continuar coa labor pedagóxica no campo da enerxía, algo que consideramos de vital importancia futura e na que Sotavento constituíuse como unha ferramenta de sensibilización e concienciación social ante un mundo no cal o consumo enerxético terá que ser responsable e sostible.

Actualmente pódese dicir que aquel proxecto “utópico” é hoxe unha realidade e que se acadou o obxectivo marcado. Ímos camiño dun futuro renovable e sostible e Sotavento estará aí para contalo.

Como alternativa e complemento á nosa programación habitual, este curso 2020/2021 ofrecemos outras dúas posibilidades: a realización de actividades online en directo e a realización das actividades nas instalacións do centro educativo.

1. ACTIVIDADES ONLINE EN DIRECTO

Estas actividades van dirixidas principalmente a alumnos/as de 4º de Secundaria e Bacharelato. Teñen un carácter transversal e poden enmarcarse en diferentes materias do currículum formal, dende tecnoloxía ou física ata economía e valores.

A pesar das dificultades que pode ter a comunicación online, trataremos en todo momento de manter unha dinámica participativa e interactiva co alumnado sempre que sexa posible. Dentro desta modalidade, existen diferentes actividades para elixir en función das preferencias e necesidades do grupo.

2. ACTIVIDADES NAS INSTALACIÓNS DO CENTRO

Estas actividades, xa existentes con anterioridade como proxecto piloto en centros de intantil, van dirixidas principalmente a alumnos/as de Infantil e Primaria. Ofrece a posibilidade de que educadores e material didáctico se despracen ao centro educativo. A programación, polo tanto, deséñase para levarse a cabo en calquera lugar (aberto ou pechado) facilitado polo Centro e o apoio ás explicacións virá dado con maquetas, aplicacións informáticas, módulos reais de instalacións renovables, medidores de consumo, etc. que levaremos ata o lugar de realización da actividade.

Para más información, podedes contactarnos sen compromiso (teléfono ou whasapp) no 652 80 81 73.

Navegación de entradas