Rematamos o 2020 cun total de 3.518 visitantes, unha cifra inferior aos últimos anos pero que valoramos moi positivamente dada a situación causada pola crise sanitaria do Covid-19.

O impacto na redución no número de visitantes foi menor do que cabería esperar debido ao excepcional arranque do ano. No primeiro trimestre de 2020, as nosas instalacións acadaron os mellores resultados de visitas para o mesmo período dos últimos 7 anos, recibindo un total de 88 grupos en apenas 55 días laborais. Esta cifra permitiu amortecer a caída de visitantes causada pola pandemia e fíxonos pechar o ano cun total de 216 visitas e 3.518 participantes.

Polo tanto, a continuación amosamos algúns datos significativos acadados en 2020:
– 216 visitas e 3.518 visitantes.
– 18 visitas de media ao mes.
– 293 persoas de media ao mes e 14 persoas de media ao día.
– 93% das visitas procedentes de Galicia e 7% de outros puntos de España.
– 50% dos grupos de carácter técnico.
– 63% dos grupos repetían a visita.
– A duración media da visita foi entre 2 e 4 horas.

De cara a este novo ano, en Sotavento estamos a preparar un programa de visitas online, que xa se está levando a cabo en fase de probas.

En canto a proxectos, ultímase a posta en marcha dun proxecto demostrativo centrado no chan radiante. Trátase dun sistema que integra datos relativos á predición meteorolóxica, xunto con datos históricos e de ocupación da vivenda e, tendo en conta ademais, as inercias térmicas do chan radiante. Deste xeito, un algoritmo determina con qué antelación acender ou apagar este sistema de calefacción para manter a casa nas mellores condicións térmicas de habitabilidade. O obxectivo último é coñecer a viabilidade deste tipo de sistemas e se realmente supoñen un aforro significativo para os usuarios. Tamén se trata de coñecer se contribúen a elevar o confort das edificacións dotadas con chan radiante.

Como tantas outras instalacións e colectivos, a pandemia obrigou en Sotavento a adaptar os espazos e as actividades ás diferentes medidas propostas por Sanidade, e ilas adaptando constantemente ás recomendacións esixidas en cada momento. Polo tanto, as nosas instalacións están adaptadas para cumprir todas as esixencias sanitarias, priorizando ademais o uso de espazos exteriores e abertos para levar a cabo a actividade divulgativa da forma o máis segura posible. Calquera familia que desexe visitarnos, pode contactarnos de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 a través do teléfono 652 80 81 73.

Como xa é habitual, seguimos actualizándonos e traballando na creación de novos contidos. Os máis recentes son a posta en marcha dun proxecto de acumulación de enerxía solar en baterías para unha vivenda e o desenvolvemento dun sistema de xestión preditiva para a calefacción por chan radiante.

Ambos proxectos se desenvolven na Vivenda Bioclimática e van acompañados dunha aplicación divulgativa que nos permite ver datos en tempo real e históricos e, nalgún caso, incluso calcular a nosa propia instalación a través dos datos personalizados indicados polo usuario.

Ademais da nosa actividade habitual, durante o mes de decembro celebraremos diferentes xornadas temáticas e abertas a todos os públicos mediante cita previa (prazas limitadas):

  • 3 decembro: Xornada centrada na actualidade fotovoltaica e no funcionamento de instalacións reais desta tecnoloxía, así como a diferenciación e funcionamento da solar térmica. Horario fexible. Duración aproximada: 1,5 horas.
  • 7 decembro: Viaxaremos a través do enchufe, con explicacións adaptadas aos coñecementos previos dos asistentes, para coñecer mellor o camiño que realiza a electricidade dende a súa produción ata que chega ás nosas vivendas. Horario flexible. Duración aproximada: 1,5 horas.
  • 11 decembro: Coincidindo co Día Mundial das Montañas realizaremos unha andaina guiada pola contorna de Sotavento (Serra da Loba). Horario de saída:10.30 . Duración aproximada: 2 horas.
  • 15 decembro: Xornada centrada na factura da electricidade dos nosos fogares. Axudaremos aos participantes a comprender mellor a súa factura e daremos uns sinxelos consellos para poder reducir o seu importe. Horario flexible. Duración aproximada: 1,5 horas.
  • 19 e 23 decembro: Tras unha rápida visita ás instalacións, realizaremos uns xogos lúdico-educativos relacionados coa enerxía onde competirán diferentes familias. Cabe destacar que nesta actividade manteremos en todo momento as “burbullas familiares” e o distanciamento entre familias. Horario de comezo:10.30 . Duración aproximada: 2,5 horas.
  • 21 decembro: Pequena andaina entre aeroxeradores, visitando diferentes tecnoloxías e coñecendo o seu funcionamento. Horario de saída:10.30 . Duración aproximada: 2 horas.
  • 28 decembro: Andaina polas paraxes naturais da contorna de Sotavento. Horario de saída:10.30 . Duración aproximada: 2 horas.
  • 30 decembro: Xornada centrada nos vehículos eléctricos, dende a súa historia ata a situación actual. Horario flexible. Duración aproximada: 1 hora.

En todas as actividades manteremos as medidas de seguridade recomendadas en cada momento e os grupos serán moi reducidos, con ventilación constante en espazos interiores e separación entre diferentes unidades familiares. Obrigatorio uso de máscara.

Prezo da actividade: 3€ adulto/ 2€ nen@

Para calquera dúbida ou máis información: 652 80 81 73 (tamén atendemos Whatsapp).

O Parque Eólico Experimental Sotavento premiou este mércores  a Casiano Engroba Saavedra, pola súa fotografía “Son xigantes”, elixida polo xurado entre máis de un centenar de candidaturas.

Este certame que cumpre ca décima edición, ten como principal obxectivo dar a coñecer o mundo das enerxías renovables en xeral e a idea de Sotavento en particular. Dende o mes de novembro recibíronse máis dun centenar de fotografías entre as que se elixiu a gañadora.

A crise sanitaria e o confinamento obrigatorio, supuxo unha reorientación das nosas actividades. A ausencia temporal de visitantes obrigou a derivar as actividades educativas e divulgativas ás redes sociais. Deste xeito, continuamos dando a coñecer as enerxías renovables e as potencialidades do aforro e eficiencia enerxéticas telematicamente.

Como funciona, sabías que, ou eficonsellos foron algúns dos contidos diarios empregados para conseguir estes obxectivos.

Por outra banda, realizáronse propostas máis lúdicas como obradoiros, xogos, escape room educativas e pasatempos relacionados sempre coa temática Sotavento, dirixidas a sobrelevar o confinamento.

Especial interese espertaron os retos presentados aos nosos seguidores cun alcance na rede de máis de 8.000 persoas. Salientable tamén foi o inicio dunha enquisa a nivel estatal para avaliar o coñecemento e valoración social das enerxías renovables e do cambio climático posta en funcionamento neste período.

A estratexia de volta á normalidade foi outro dos aspectos nos que se traballou neste período. Somos un centro situado nun lugar natural privilexiado, con espazos abertos que garanten o distanciamento social e un equipo de educadores con ampla experiencia capaces de adaptarse a calquera realidade. Estas características posibilitan unha continuación segura das actividades.

A propia crise sanitaria e as posibles relacións entre a actividade humana no medio e o avance da pandemia, volve a poñer de manifesto a importancia do enfoque sostible que debe presidir a nova realidade.A enerxía é unha das necesidades básicas do ser humano e, ao mesmo tempo, constitúe unha das principais causas de destrución do medio ambiente polo que o seu uso eficaz é de vital importancia para o futuro.

Avalado pola UNESCO, Sotavento é un lugar ideal para aportar estratexias encamiñadas a acadar eses obxectivos.

As actividades potenciarán máis as zonas exteriores e permitirán:

  • Visitar unha mámoa reconstruída das 13 que se atoparon na construción do Parque e coñecer as partes e formas de construción.
  • Percorrer a ruta do vento e descifrar o segredo de O Quixote no entorno natural presidido polo inicio das Fragas do Eume.
  • Percorrer o “museo das pedras”: mostra das rochas máis representativas dos chans galegos.
  • Visitar as exposicións permanentes sobre a apaixoante historia dos papaventos (cometas) e facer un percorrido dende os primeiros muíños ata os modernos aeroxeradores.
  • Achegarte á base dun aeroxerador e descubrir o seu interior.
  • Degustar un chocolate elaborado nunha cociña que funciona exclusivamente co sol.
  • Comprobar as posibilidades de distintos vehículos eléctricos

E ademais nos 1.500 m2 interiores:

  • Observar o funcionamento das enerxías renovables mediante maquetas, paneis e instalacións reais nun edificio de máis de 1.500m2 que simula as tres pás dun aeroxerador.
  • Descubrir o taller da enerxía, onde atoparemos instalacións enerxéticas antigas e modernas, incluíndo varios aeroxeradores reais (entre os que destaca o primeiro conectado á rede en España)
  • Percorrer unha vivenda bioclimática intelixente de 300 m2, pasear polas súas estancias comprobando o seu funcionamento e descubrindo distintos sistemas de calefacción, de xeración eléctrica, de xestión da auga, consumos de electrodomésticos, comparativas e moito máis.

As Visitas guiadas xestionaranse a través do número de teléfono 981563777 ou a través do WhatsApp  652 80 81 73

En todo momento, a nosa actividade divulgativa buscará manter a esencia que nos caracteriza sen descoidar a saúde dos asistentes. Estaremos encantados de solucionar calquera dúbida sobre xestión e organización a través do teléfono 652 80 81 73.

Navegación de entradas