ANTECEDENTES:
Este proxecto xorde como necesidade de trasladar os datos medidos e rexistrados en cada aeroxerador a un sistema central en tempo real.
A dispoñibilidade de toda a central de xeración constitúe un factor decisivo. Nos parques eólicos, debido á grande extensión que ocupan, é obrigado dispoñer dunha rede de comunicación fiable que garanta a correcta supervisión e control de todos os parámetros de interese. A liña de comunicación por fibra óptica do Parque Eólico Experimental Sotavento xerou diversos problemas en anos anteriores ao desenvolvemento do presente proxecto. O proxecto de execución do parque non contemplaba a comunicación entre aeroxeradores. Optouse pola utilización de fibra óptica, unha tecnoloxía relativamente novidosa nese momento no sector, que sen dúbida representaba importantes melloras con respecto a outros sistemas de comunicación. A experiencia e o continuo desenvolvemento de proxectos fixo patente a necesidade dunha mellora, tanto a nivel físico como estrutural, desta primeira rede de comunicacións.
Os principais problemas detectados que suscitaron esta mellora foron:
- Os cadros de concentración de fibra de cada aeroxerador foran incorrectamente dimensionados, resultando insuficientes para albergar e estruturar axeitadamente todas as fibras ópticas que recibían
- A topoloxía de rede coa que se comunicaban os equipos de análise e compensación de enerxía reactiva de Sotavento (topoloxía en fervenza), resultaba moi sensible a fallos e polo tanto pouco fiable
- Deterioro de compoñentes da rede, co consecuente incrementando a taxa de erros e inestabilidade na rede
Estas circunstancias incrementaban o risco de perda de comunicación e o tempo de localización e reparación das avarías. As perdas económicas que supoñían estes atrasos, en termos de dispoñibilidade de máquinas e xestión de enerxía reactiva, revelaban a necesidade de reforzar o sistema de comunicacións do parque.
BREVE DESCRICIÓN DA REDE DE COMUNICACIÓNS DO PARQUE:
A liña de comunicación por fibra óptica do parque está composta por dous cables de 24 fibras, un para cada liña do parque.
Cada aeroxerador utiliza dous ou catro fibras, dependendo da tecnoloxía, para a comunicación co seu SCADA correspondente.
Os equipos instalados por Sotavento nos aeroxeradores, ata o momento de desenrolo do proxecto, utilizaban dúas fibras por liña, tanto para o control de potencia reactiva como para a transmisión de datos dos analizadores instalados en cada máquina.
OBXECTIVOS:
Os obxectivos do proxecto eran:
- Mellorar a rede de comunicacións do parque
- Ampliación dos armarios que aloxan os equipos de Sotavento
FASES:
As fases nas que se estruturou o proxecto foron:
- Substitución dos cadros de concentración de fibras por uns novos
- Reforzo da comunicación entre equipos de Sotavento
- Con anterioridade ao proxecto, para a comunicación entre equipos de Sotavento, utilizábase unha rede de topoloxía en fervenza que utilizaba dúas fibras por cada liña do parque para a comunicación entre equipos. O obxectivo era cambiar a unha topoloxía en anel Token Ring empregando seis fibras por cada liña; catro para dous aneis de comunicación, e dúas fibras de reserva. Con estes cambios, a rede de comunicación incrementou a súa seguridade e fiabilidade ante eventuais fallos en equipos ou nas propias fibras
- Modificación na distribución dos equipos de Sotavento. Instalación de novos armarios por aeroxerador, xa que os existentes quedaran pequenos debido á continua implementación de equipos para proxectos: equipos de Sotavento vinculados ao control de reactiva e análise de variables eléctricas das máquinas incluíndo tamén o PC e a SAI. Os novos armarios dispoñían de espazo abondo de reserva para albergar futuros equipos requiridos nos aeroxeradores
SITUACIÓN ACTUAL:
Realizado.
DOCUMENTACIÓN:
Descrición | Idioma | Tamaño | Descargar |
---|---|---|---|
Mellora da Rede de Comunicacións do Parque Eólico de Sotavento | Castelán | 546 Kb |