Monitorización solar térmica Sotavento

ANTECEDENTES:


O Parque Eólico Experimental Sotavento ten en funcionamento dende o ano 2003 unha instalación de enerxía solar térmica para quentamento de ACS, calefacción por chan radiante na sala de control e calefacción mediante aerotermos na zona de taller.

As características principais da instalación son:

  • Superficie captación: 8 m2
  • Volume acumulación: 500 litros

A achega de enerxía auxiliar realízase por medio dunha bomba de calor aire-auga.

OBXECTO:


O proxecto abrangueu a monitorización e automatización mediante o desenvolvemento dun programa SCADA específico de todos os circuítos hidráulicos que compoñen a instalación solar térmica. Así mesmo, serviu de base para a análise de rendemento deste tipo de instalacións solares térmicas mediante a obtención de diferentes informes, incluíndo:

  • Balance de enerxía térmica achegada e consumida
  • Rendemento dos colectores solares
  • Rendemento da bomba de calor en función da temperatura ambiente
  • Históricos e gráficas de evolución

METODOLOXÍA:


A metodoloxía do proxecto comprendeu as seguintes etapas:

  • Definición das variables a controlar
  • Definición dos sensores de medida e adquisición destes
  • Definición de entradas e saídas analóxicas e dixitais
  • Cableado e instalación de sensores e tarxeta de control
  • Establecemento de pautas de funcionamento en automático da instalación, alarmas e almacenamento na base de datos
  • Programación mediante LabVIEW para o funcionamento manual e automático, rexistro e visualización de variables históricas en intervalos dez-minutais, estados de funcionamento, alarmas, etc.
  • Posta en marcha: verificación de medidas de sensores correctas, arranques e paradas de bombas segundo programación, etc.
  • Toma de mostras e almacenamento das variables seleccionadas
  • Análise de resultados de enerxía térmica e avaliación do rendemento da instalación

SITUACIÓN ACTUAL:


O proxecto deuse por concluído. Dende decembro de 2004 e ata Novembro de 2006 o sistema estivo operativo e controlado a través dun SCADA específico, permitindo obter informes históricos relativos ao rendemento da enerxía solar térmica neste tipo de aplicacións de ACS e calefacción na nosa comunidade. Actualmente a instalación continúa en funcionamento xerando ACS e calefacción para determinadas zonas do edificio.