Noticias

Un ano máis Sotavento colabora co Proxecto Climántica

Como vén sendo habitual desde hai uns anos Sotavento colabora co Proxecto Climántica Intercambios 2016. Unha iniciativa que ten como principal obxectivo a procura de respostas educativas fronte ao cambio climático mediante intercambios de Educación Científica e Ambiental entre comunidades autónomas e países implicados no proxecto.

O pasado xoves 31 de marzo, Sotavento recibiu a vista nas súas instalacións de case un centenar de alumnos e alumnas procedentes do Colegio Decroly da Lagoa (Canarias) e o IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, centros inmersos neste momento no Proxecto Climántica cun intercambio entre os seus alumnos e alumnas.

En cada intercambio compáranse os aspectos craves das dúas comunidades para a mitigación e adaptación ao cambio climático: transformación e adaptación dos combustibles fósiles, xestión de auga, impacto das enerxías renovables, etc…
Para logralo, selecciónanse equipamentos de divulgación científica e ambiental xunto con contextos que destaquen por ser recursos de calidade, principal motivo polo que a visita ao Parque Eólico Experimental Sotavento faise habitual dentro desta iniciativa.