Noticias

Sotavento acolle un curso de condución eficiente de vehículos industriais

Sotavento levou a cabo unha xornada de traballo sobre medidas de aforro e eficiencia enerxética no sector do transporte de mercadorías, que foi organizada de forma conxunta polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e a Dirección Xeral de Mobilidade en colaboración co Instituto de Formación Logística y Transporte (IFT).

Esta xornada estivo presidida por Miguel Rodríguez Bugarín, Director Xeral de Mobilidade e Eliseo Diéguez García, Director do Inega e Presidente de Sotavento, en compaña de representantes do concello de Xermade e de distintas federacións galegas do sector do transporte, así como membros da Fundación Sotavento Galicia.

Durante o día tratáronse de debater, co coñecemento de IFT, empresa experta na formación en condución eficiente e xestión de flotas de transporte, as medidas deste sector recollidas na estratexia E4 2008-2012 (Medidas 2 e 3b: Xestión de flotas de transporte por estrada e condución eficiente de vehículos industriais).

No transcurso da actividade, tratouse de facer unha posta en común desta temática de xeito que permita adecuar e acomodar os plans de traballo 2011 e 2012 a estas medidas, a fin de diminuír o consumo enerxético do transporte por estrada. Ademais, os participantes realizaron dúas quendas de condución en vehículos industriais adaptados para levar ata 7 ocupantes e provistos de medidores de consumo que permitiron comprobar que o aforro acadado na condución eficiente con respecto á condución habitual dos experimentados condutores aproximouse ao 12% de media.

Por outra banda, o noso Parque tamén acolleu dous cursos de formación nos que operarios de Iberdrola Renovables realizaron un curso de “Procedemento de Operación Eléctrica en STE’s”. Dito curso impartiuse na Vivenda Bioclimática Demostrativa cunha duración de 8 horas por xornada, e contou con máis de 40 participantes.