Noticias

Sotavento participará na Semana Europea da Mobilidade

Por terceiro ano consecutivo, Sotavento participará na semana europea da mobilidade. Esta participación será regulada polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Coordinador Nacional da citada campaña que se celebrará entre o 16 e o 22 de setembro do 2013 en toda a UE.

A Semana Europea da Mobilidade (SEM) é unha campaña de concienciación dirixida a sensibilizar tanto aos responsables políticos coma aos cidadáns sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche, tanto para a saúde pública coma para o medio, e os beneficios do uso de modos de transporte máis sostibles como o transporte público, a bicicleta e as viaxes a pé.

O uso responsable da enerxía convértese hoxe en día nunha prioridade a nivel mundial. Cada vez son menos os recursos dispoñibles e maiores os seus custes. Moitos países teñen unha grande dependencia enerxética do exterior, sendo o transporte unha das causas principais. Este feito, supón un grave problema económico e ambiental que podemos mitigar cun uso máis adecuado e racional dos transportes.

A Fundación Sotavento Galicia, seguindo unha liña de difusión activa e práctica dirixida a todos os sectores sociais, levará cabo no marco desta iniciativa diferentes actividades entorno a vehículos eficientes con demostracións reais de condución, presentacións, probas reais de consumos, comparacións con vehículos convencionais, etc.

Esta actividade sustituirá ao Rally Eficiente que viña realizándose nos últimos anos.