Noticias

Sotavento participa na I Feira da Enerxía de Galicia

Sotavento participou co seu proxecto educativo na I Feira da Enerxía de Galicia celebrada do 14 á 16 de abril no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca de Silleda.

Ao longo das tres xornadas, máis de medio milleiro de escolares de centros educativos próximos participaron nas actividades desenvolvidas por Sotavento. A esta cifra debemos aumentar as visitas non programadas así como o público en xeral. En total, 5.500 persoas, segundo datos da organización do evento.

Nun espazo dedicado 100% á difusión e sensibilización en materia de EERR e eficiencia enerxética, os visitantes puideron coñecer de primeira man as fontes de enerxía renovables, datos sobre o consumo eléctrico, consellos relacionados coa eficiencia enerxética e mesmo gozar das vantaxes da mobilidade sostible coa experiencia de conducir un coche ou bicicleta eléctrica. Entre outras moitas actividades cabe destacar os talleres dedicados aos máis pequenos, onde de maneira divertida aprenderon as múltiples vantaxes do vento coa elaboración de diferentes tipos de cometa

Esta primeira cita do sector enerxético en Galicia, que contou con máis de 92 expositores chegados dende España, Francia e Portugal, cun total de 239 firmas e máis de 74 conferencias, foi inaugurada polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Aínda que ao longo das tres xornadas foron outras moitas as autoridades que visitaron o recinto, como o Director Xeral de Enerxía e Minas, Anxo Bernardo Tahoces ou o Conselleiro de Educación e Cultura da Xunta de Galicia Román Rodríguez.